Reflexión sobre o meu PLE

 Reflexión sobre o meu PLE

 

A contorna persoal de aprendizaxe (PLE): concepto, o meu PLE inicial e reflexións

 
Transformación, Web, Cerebro, Red, De La Ciudad
Imaxe de pixabay.com

  A contorna persoal de aprendizaxe ou PLE polas súas siglas en inglés (Personal Learning Environment) fai referencia a aquelas fontes de información, recursos ou actividades que conforman a aprendizaxe persoal. Nesta entrada faremos unha reflexión sobre este concepto e o meu PLE inicial, ademais de coñecer unha ferramenta que nos axuda na xestión do noso PLE: Feedly

 

Que é o PLE?

Se consultamos a Wikipedia para saber a que nos referimos cando falamos do PLE, atopámonos ca seguinte definición:

"... conjunto de elementos (recursos, actividades, fuentes de información) utilizados para la gestión del aprendizaje personal".

Así, ao mesmo tempo, a Wikipedia converteríase en parte do noso PLE, pois conformou a nosa fonte de información para coñecer máis sobre este concepto. 

As contornas personais de aprendizaxe xorden no Reino Unido asociados ao movemento da Web 2.0 e orientados ao sistema educativo. Dende entón, construíronse diferentes definicións sen chegar a un consenso.

Podemos diferenciar tres correntes que conceptualizan o PLE: 

  • Enfoque tecnolóxico: o PLE é a contorna tecnolóxica que se centra no que fai o alumnado, é flexible.
  • Enfoque pedagóxico mediante as TIC: vai máis alá da contorna tecnolóxica, é unha forma de aprender mediante as TIC, de xeito formal ou informal.
  • Enfoque pedagóxico integral: é a integración intencional e deliberada de espazos de aprendizaxe formal e informal.
Partindo desta base, a miña concepción do PLE estaría no último enfoque. Considero que a contorna de aprendizaxe persoal vai moito máis alá dunha contexto tecnolóxico, é unha forma de aprender que abarca tódalas experiencias que nos aportan coñecementos, sendo as ferramentas TIC unha gran fonte de recursos que completan e axudan a xestionar e conformar o PLE de cada persoa.

Cando buscamos información na rede, por exemplo, non só logramos adquirir coñecementos sobre algún tema, tamén desenvolvemos unha serie de competencias que van máis alá da información que atopemos. Ao acceder a Internet, invádenos unha gran cantidade de información, que debemos analizar de forma case inmediata para discernir entre válida (ou valiosa) para nós ou que carece de interese. 
 
Mediante as contornas dixitais desenvolvemos tamén a nosa parte máis intuitiva: en canto accedemos a unha web diferenciamos elementos que nos ofrecen "pistas" das súas funcionalidades, descubrimos novos xeitos de facer algo que anteriormente facíamos diferente, etc.

Tamén podemos aprender a utilizar unha ferramenta TIC practicando directamente con ela (o que conleva unha aprendizaxe máis significativa), compartir experiencias con outras persoas usuarias mediante diferentes ferramentas de comunicación, elixir que queremos aprender e de que fontes...
 
Ademais, a contorna dixital ofrécenos unha posibilidade máxica: atopar información inmediata de practicamente calquer tema de calquer parte do mundo. Isto mantennos conectados e fai que as persoas curiosas teñan a golpe de click, infinitos recursos cos que deseñar un plan de aprendizaxe persoalizado e flexible ou, incluso, improvisado.

E despois dunha navegación por diferentes espazos, recursos ou ferramentas, tamén podemos facer unha selección, análise de contidos e síntese ou reflexión, creando máis recursos e información que podemos por á disposición do resto do mundo, formando parte tamén do PLE de moitas máis persoas.

Parece idílico, non si? Pero non todo vai ser tan sinxelo. Tamén nos enfrontamos a moita información que non é veraz, bulos, malas praxis, ou simplemente o feito de ter acceso a moita cantidade de información, abrúmanos e nos pode chegar a frear no proceso de aprendizaxe. 
 
É o que se coñece coma infoxicación: avalancha de datos e información onde está mezclada información veraz e información de orixe discutible.
 
A capacidade para desbotar información non relevante parece cobrar unha gran importancia na actualidade...
 
 
 

O meu PLE inicial

Tras reflexionar sobre o concepto de Contorna Persoal de Apendizaxe, no tempo de clase fixemos un esquema con debuxos sobre os elementos que conformaban o noso PLE. Como a miña destreza na arte de debuxar é cuestionable e non quería ofender a ninguén 😄, trasladei a idea ao canva:





Comecei con situar na parte central, un avatar que me representa e, todo o que me rodea, o meu PLE. Na parte esquerda e inferior constan as fontes das que me nutro de información e na parte dereita, os espazos onde ofrezo información.

📖 Fontes de información

Hai numerosos recursos onde busco información, onde me nutro de noticias, coñecementos, actividades, etc. Podemos diferenciar: redes sociais, prensa, webs de divulgación, buscadores, institucións de formación regrada, administracións públicas, asociacións e entidades de interese... 

📣 Espazos onde ofrezo información

A área da dereita é menos numerosa. Os espazos onde ofrezo información redúcense a redes sociais e ferramentas onde compartir documentación.

No recuncho inferior dereito hai un elemento especial: representa ás persoas que me rodean. 

Sabemos que o PLE nace dun ámbito tecnolóxico pero se consideramos o enfoque pedagóxico integral, non podemos obviar a tódalas persoas cas que compartimos información no día a día, e tamén aquelas que che aportan aprendizaxes ou, mellor aínda, dúbidas que espertan a curiosidade para alimentar o PLE cando, ao chegar a casa, comezamos a googlear aquela cuestión que saiu a debate na hora da comida ca familia ou no café cos compañeiros e compañeiras de traballo. 

A motivación para a procura de novos coñecementos tamén nace daquelas cuestións que outras persoas expoñen, confeccionando un bucle de retroalimenación que non fai máis que aportar novas fontes, recursos e actividades para xestionar a aprendizaxe persoal.


Ferramenta para xestionar o PLE: Feedly

Tras unha ollada rápida á representación do meu PLE xa nos invade unha sensación de saturación por tódalas fontes de información que utilizo. En moitas ocasións chego ata unha publicación que me interesa pero non teño tempo de analizala. Pois a miña estratexia, ata agora, era prestar atención á fonte onde se difundira e confiar en recordala no momento no que precisara recuperar a publicación. Isto complicaba e ralentizaba a tarefa pois non é sinxelo manexar a gran cantidade de inputs que nos chegan a través das TIC. 

Na sesión adicada ao PLE, Carlos Parada nos ofreceu unha amplia variedade de ferramentas de filtraxe,  agregación e curación de contidos. Vimos, por exemplo, a suscrición a diferentes páxinas por RSS, como aunar as webs onde nos suscribimos con Feedly, a procura de información relevante por palabras clave con Scoop.it, o etiquetado social co Diigo...

Como un dos meus intereses é ter as publicacións das páxinas que sigo ordeadas e recuperar a información dun xeito rápido e áxil, comecei por probar o Feedly, así, en lugar de confiar en recordar a fonte, podo xestionar a información dende aí e marcar os artigos que me interesan para ler máis tarde. Como tódolos comezos xestionando información, a ferramenta conleva un traballo e esforzo para identificar aquelas páxinas con contidos de interese e clasificalas. 

Aínda así, déixovos unha mostra desta primeira andanza con este recurso, sendo consciente de que me faltan moitos elementos do meu PLE por engadir: 




Nuns poucos días, teño máis de 600 publicacións por ler. Por agora só engadín dúas listas principais, como se aprecia á esquerda da páxina: Psicoloxía e Administración Pública. Na parte da dereita amósanse as publicacións en formato reducido (titular e tres primeiras liñas) para poder filtrar rapidamente a información que é do meu interese da que non.

Se nos situamos co cursor enriba da publicación, aparecen unhas iconas que permiten (de esquerda a dereita): gardar para ler máis tarde, gardar nun taboleiro, marcar como lido e marcar como lido e ocultar.

 

Paréceme unha ferramenta moi útil que me axudará a clasificar a información que me interesa e manterme así ao día das publicacións das páxinas que sigo dunha forma áxil.


Reflexión final

Despois de repensar o concepto de PLE e de esquematizar os elementos que forman parte da miña Contorna Persoal de Aprendizaxe, faise evidente esa avalancha de información na que estamos inmersos. No día a día manexamos milleiros de datos dos que case non somos conscientes. 

Contar con ferramentas que nos axuden a lidiar coa infoxicación é de gran axuda para conformar aprendizaxes relevantes e significativas, optimizando tempos. A labor de comezar a utilizar unha ferramenta coma Feedly vale a pena para poder optar despois a información de interese en menos tempo e de forma estruturada. 

O exercicio de repensar as fontes que consultamos e os espazos onde publicamos é necesario para poder valorar a súa validez e relativizar certos contidos. Xerar publicacións que fomenten o debate e a curiosidade gana importancia nunha contorna na que podemos atopar moitas explicacións sen referencias ou con dubidosa veracidade.

 

Para saber máis...

Wikipedia: Entorno personal de aprendizaje 

Ferramenta Feedly

Ferramenta Canva




Comentarios

Entradas populares de este blog

Reflexiones sobre mi PLE

Esta soy yo... y este es mi blog... ¡¡BIENVENIDOS/AS!!

Esta soy yo... Iratxe